As páxinas de historia das terras onde hoxe se asenta a cidade de Vigo e a súa bisbarra están escritas dende as primeiras pegadas do home en Galicia.
En 1842 comezan a prestar servicio as instalacións do Lazareto de San Simón, que durante décadas servirían para acoller a corentena que se vían obrigados a pasar tódolos barcos procedentes de América que tiveran como destino calquera porto peninsular. A súa posta en servicio foi o feito que maiores repercusións tería sobre a actividade económica da cidade ao longo da primeira metade do século XIX. Desta excepcional etapa da historia de Vigo pódese atopar máis información no capítulo adicado á Illa de San Simón en páxinas posteriores. Coa industria da pesca e a salgadura consolidadas, a mediados do século XIX comeza unha nova etapa que impulsará ó enclave vigués durante o resto da centuria instálanse as primeiras fábricas de conservas, aínda que non sería ata finais de século cando acadarían un importante grao de desenvolvemento; esta bonanza económica traerá como inmediata consecuencia o definitivo despexe demográfico de Vigo. Outro gran fito na historia da cidade foi a inauguración de liña férrea Vigo-Ourense en 1881, co que quedaba asegurada a conexión coa meseta e a apertura deste mercado ós productos vigueses.
Fundamental para a economía viguesa son os procesos migratorios que teñen o seu centro en Vigo; este porto será o punto de partida da emigración galega cara América, aínda que tamén, unha boa parte do continxente migratorio, quedará na cidade aproveitando as novas oportunidades da nacente industria viguesa. A finais de século as principais actividades económicas de Vigo e a súa comarca son a industria conserveira, os estaleiros a as actividades de consigna e transporte marítimo. Pero é arredor da actividade conserveira onde se van desenvolvendo outro tipo de industrias complementarias: fábricas de envases e litografado, fundicións e talleres mecánicos ou fábricas de xeo. En 1907 Galicia elabora o 59% da producción nacional de conservas, sendo Vigo a principal cidade productora da península. Froito desta boa conxuntura económica, nacen a Caixa de Aforros de Vigo e o Banco de Vigo.
A medida que o século XX avanza, prodúcese a anexión dos municipios limítrofes de Bouzas e Lavadores, e aínda que trae un importante crecemento demográfico e de extensión de Vigo agrávanse as deficiencias estructurais dos servicios cos que conta a cidade. Así que en 1904 establécese o servicio de abastecemento de augas na cidade coa Sociedade Anónima de Abastecimiento de Aguas a Vigo; e aínda que o tendido eléctrico xa se instalara nas principais rúas da cidade no troco de século, recibe un impulso fundamental cando en 1907 se crea a sociedade La electra Popular de Vigo y Redondela.
<
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar