Salinae, fotografía de Juanjo Seixas


Entorno Histórico

As páxinas de historia das terras onde hoxe se asenta a cidade de Vigo e a súa bisbarra están escritas dende as primeiras pegadas do home en Galicia.

Hai 100.000 anos xa había pequenos grupos de cazadores-recolectores que percorrían o territorio do que hoxe é Vigo aproveitando os recursos naturais que ofrecían os seus vales e o litoral da ría. Os vestixios que se conservan desta época (o Paleolítico) son bastante escasos, apenas medio centenar de instrumentos líticos tallados en cuarcita.

En torno ao 5.000 a.C., estes grupos de cazadores-recolectores pasan a converterse en productores de alimentos. A manifestación cultural máis característica deste tempo (o Neolítico) é o megalitismo, cultura das mámoas ou dos monumentos funerarios, que deixou abundantes testemuñas de pedra en diversos enclaves do contorno vigués. Cerca dun centenar son as que se conservan en Vigo e nos seus arredores, destacando o gran conxunto do Monte Penide, onde se agrupan trinta e nove túmulos de grandes dimensións. O máis coñecido deles é o chamado Casa dos Mouros. Outros conxuntos a destacar son os dos montes Vixiador e A Madroa en Candeán, a necrópole de Coto Lousado –Cotogrande– xunto ao aeroporto de Peinador, o alto de San Colmado nas instalacións do Círculo Mercantil de Vigo, o Alto de San Cosme en Zamáns, Valadares e o Chan Grande entre Nigrán e Fragoselo.

A finais do III Milenio a.C. chegan os primeiros tempos da metalurxia –cobre, ouro e prata– e da cerámica campaniforme, facéndose máis evidentes os indicios de estructuración social. Os enxovais funerarios acompáñanse agora de armas de cobre e xoias de ouro e prata. Novos cultivos e novas tecnoloxías aparecen neste perídodo permitindo mellorar e diversificar as colleitas. Tamén da comenzo o establecemento de relacións de intercambio con zonas a gran distancia, xeralmente atlánticas, sentando as bases do que será a posterior comunidade atlántica da Idade do Bronce.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar