As páxinas de historia das terras onde hoxe se asenta a cidade de Vigo e a súa bisbarra están escritas dende as primeiras pegadas do home en Galicia.
Nalgúns túmulos megalíticos como os de Cotogrande 1 e 5 e o de Chan de Xisto aparece a cerámica campaniforme. Outros asentamentos vinculados ao mundo da Metalurxia atopámolos na ladeira norte do Monte Maúxo, en Saiáns ou na zona do Freixo en Valadares. Neste contexto nace o arte rupestre ao aire libre: os petroglifos. Esta arte constitúe a única produción autenticamente galaica da prehistoria. Das súas representacións despréndese a existencia de diferencias sociais entre os individuos; as figuras de armas, as escenas de caza e as de equitación son actividades reservadas aos grupos dominantes.
Os petroglifos son característicos das costas galegas en teñen na área de Vigo o seu gran epicentro de dispersión xeográfica. Exemplos importantes desta arte na zona de Vigo son:
- os petroglifos de Pedra Moura, con círculos concéntricos, trazos longos, puntos e pegadas de pezuños de cuadrúpedes;
- os petroglifos dos Cochos/Pedrafurada, ambos en Coruxo;
- o de Pedra das Augas en Gomesende, Teis, co seu deseño en retícula;
- os de Outeiro de Castro, Castiñeirón, Presa das Rodas, Chan Grande e Alto da Costa con combinacións de círculos concéntricos, cazoletas e trazos diversos;
- o de Penetes, coa figura dun cuadrúpede;
- o complexo de Millaradas en Matamá, onde se atopa a figura dun cérvido;
En terras de Redondela destaca o do Monte Penide; ou o de Chan Grande en Oia.
No segundo milenio empeza a florecer a chamada Idade do Bronce que durará ata o 800 a.C. Aínda que se descoñecen restos de asentamentos desta época, ponse de manifesto a adopción da metalurxia do bronce, materializada nos achados de machadas planas, e un claro mantemento dos contactos exteriores, que fai que a área galaica quede, por única vez na Prehistoria, totalmente integrada na cultura atlántica e nas súas relacións comerciais. Os numerosos achados de machados de bronce certifican esta actividade: entre as avenidas Portanet e Castrelos apareceu un exemplar de tope sen argolas, no lugar de Tallarín en Matamá, un de tope cunha argola, e tamén no lugar de Estea, na parroquia de Saiáns, un conxunto de 27 machadas de tope con dúas argolas.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar