As páxinas de historia das terras onde hoxe se asenta a cidade de Vigo e a súa bisbarra están escritas dende as primeiras pegadas do home en Galicia.
O século VIII a.C. vai ser testemuña do fin da expansión das comunidades atlánticas e das súas relacións debido a que as rutas de intercambio caen nas mas dos comerciais fenicios (responsables da introdución na península da tecnoloxía do ferro). Este feito ten como consecuencia o case total illamento co exterior, do cal derivará a peculiaridade da nacente Cultura Castrexa, propia e autóctona da área galaica, na que non se atopan elementos de influencia foráneos.
O castro de Torres de Padín – que mantivo poboacións estables durante a época castrexoromana e a Idade Media -, de pequeno tamaño e inmellorables condicións defensivas, é o primeiro representante da fase inicial desta nova cultura. Na cidade de Vigo e arredores constátase a presencia de vintesete poboados castrexos, destacando o practicamente destruído da Illa de Toralla. Nel, xunto coa cerámica indíxena, aparecen recipientes de orixe púnica, e restos da súa ocupación ata o século I d.C. Tamén cumpre destacar o poboado do Castro de Vigo, habitado dende finais do século II a.C. e abandonado a partir de mediados do s. I da nosa era. E mención aparte merece, por último, o Castro da Punta do Muíño, que se pode ver hoxe en parte neste Museo, e que estivo habitado dende o século VIII a.C. ata o I da nosa era, correspondendo a súa parte visible ao período galaico-romano.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar