Salinae, fotografía de Juanjo Seixas


Entorno Histórico

As páxinas de historia das terras onde hoxe se asenta a cidade de Vigo e a súa bisbarra están escritas dende as primeiras pegadas do home en Galicia.

A Idade Media supón un parón na evolución do pequeno núcleo galaicoromano. O decrecemento da actividade comercial ten como consecuencia un abandono do lugar. Este declive comeza coa invasión dos pobos xermánicos. Tras a chegada dos suevos no 411 e os godos no 585 producirase unha fusión entre eles e a poboación galaico-romana, a cal abandonará definitivamente o hábitat castrexo.

Da man de Martiño de Dumio ten lugar a cristianización de Galicia, sendo a diócese de Tui o principal centro da organización territorial da igrexa. Cumpre sinalar que non temos noticias que falen da integración do territorio de Vigo nesta diócese.

No 915 o rei Ordoño II concede ao bispo de Lugo, Recaredo, o poboado e as terras de Benevivere, sendo esta a primeira noticia documental referente ao territorio vigués. No 1024 Alfonso V concederalle o citado territorio, coa súa igrexa e couto, ao bispo compostelán.

O documento máis antigo que fala da existencia da propia cidade de Vigo, é o do litixio que no 1097 manteñen os veciños de Canaledo e Vigo diante do xuíz Sandino Saganiz. Tamén se coñece a existencia dende o inicio da Idade Media de dous núcleos de poboación documentados xa no século XI, o de Santa María e o de Santiago de Vigo, aínda que este último non estaría no lugar da actual parroquia deste nome, senón na ladeira do Monte Castro. O rei Fernando II, no proceso de converter a Tui en cidade-fortaleza para a defensa do reino fronte ao veciño portugués, faille entrega tamén da igrexa de Santa María de Vigo coas súas terras.

Por outra banda, este mesmo rei impulsa a implantación na comarca do mosteiro cisterciense de Melón outorgándolle o realengo de Vigo á abadía no 1176. No ano 1234 comeza un preito entre o arcebispo de Santiago e o mosteiro de Melón por estas terras, e no século XIII a mitra compostelá inicia a súa presencia en Vigo. Neste século a cidade vese elevada coa lírica do poeta Martín Códax e as súas cantigas de amigo. Neste tempo a pesca enténdese todavía como unha actividade complementaria á agrícola, de carácter depredatorio e non especializado. Gracias a documentación do mosteiro de Melón información sobre as actividades pesqueiras da época na comarca de Vigo, coñecéndose un porto propiedade deste mosteiro, o Chano dos Palames, dotado de mellores condicións que o do arcebispo de Santiagoen Vigo; os foros do Mosteiro de Melón falan de tres especies, pescadas, sardiñas e polbos, presentadas en diversas formas: frescas, afumadas ou salgadas.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar