Salinae, fotografía de Juanjo Seixas


Entorno Histórico

As páxinas de historia das terras onde hoxe se asenta a cidade de Vigo e a súa bisbarra están escritas dende as primeiras pegadas do home en Galicia.

O proceso de romanización do territorio vigués consolídase a partir da primeira centuria da nosa era, aínda que os primeiros contactos datan do século II a.C. Esta etapa histórica non consistiu nunha “conquista” por parte de Roma do espacio galaico senón máis ben nun proceso de integración progresiva. A organización social do pobo que habitaba o territorio de Vigo e ao que Plinio chamou os “Heleni”, parece que foi perfectamente tolerada por Roma.

A apertura de novas rutas, sobre todo terrestres, derivadas do nacemento das vías romanas –como a próxima vía XIX-, fan posible un aumento demográfico e económico e unha maior complexidade social. O Castro de Vigo considérase a principal concentración de poboación indíxena, arredor do cal, pouco a pouco, se foi configurando un vicus con poboación autóctona e xentes chegadas do resto do imperio. Este Castro, que queda practicamente abandonado a mediados do século I da nosa era, pode ser consideraro como a orixe directa da nosa cidade.

Algunhas pegadas do pasado galaicoromano da cidade son os restos de industrias de salgadura na área do Berbés así como as salinas de planta rectangular e a gran cantidade de fragmentos de ánforas vinarias e cerámicas romanas, como as sixilatas. As numerosas ánforas procedentes dos restos de posibles naufraxios na ría e recuperadas no leito mariño fálannos do auxe do comercio marítimo. Asimesmo, o litoral da comarca aparece salpicado das “villae”, unidades unifamiliares de modelo tipicamente romano, deseñadas para o aproveitamento do medio e elaboración de productos, con vivendas con máis comodidades e luxo. Destas novas formas de asentamento temos testemuñas no Areal en Coia, Sobreira e Toralla en Oia, O Cocho e Fiunchal en Alcabre e Ríos en Teis.

Toda esta actividade comercial motivada pola producción destas factorías fai que cobren importancia as instalacións portuarias da zona do Areal, base de saída destes productos e de chegada doutros bens dende todo o imperio romano. Polo tanto pódese dicir que tanto as actividades comercial e portuaria como o sector agrícola e a pesca están na orixe do nacemento da cidade de Vigo.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar