As páxinas de historia das terras onde hoxe se asenta a cidade de Vigo e a súa bisbarra están escritas dende as primeiras pegadas do home en Galicia.
No século XIII, dacordo coa documentación que se coñece, aparecen as salinas de Coruxo, xa ligadas a actividade pesqueira e aínda de relevancia económica mínima. A súa producción non acada a cubrir as necesidades de salgadura da bisbarra. O Vigo medieval vai atopando na pesca un complemento básico para a súa economía de subsistencia coa comercialización dos seus productos.
No 1435 o porto de Vigo conta xa con privilexio de carga e descarga, o que pode considerarse o embrión da vida mercantil da cidade. As fontes documentais amosan dúas áreas de actividade na cidade: a Pescadería, na Ribeira do Berbés na parroquia de Santa María de Vigo, e a Mercadería, o porto de comercio, no Areal na parroquia de Santiago de Vigo. Gracias a isto no século XVI terá lugar con gran intensidade o despegue de todo sistema produtivo ligado ao tráfico marítimo.
A cultura da Idade Media ten na arquitectura relixiosa un dos seus máximos expoñentes; trece son as igrexas románicas que existiron en Vigo, aínda que hoxe so se conservan as de Bembrive, Castrelos e Coruxo.
A Idade Moderna está marcada polo dominio do señorío xurisdicional do arcebispo de Santiago en Vigo, que non será abolido ata a chegada das Cortes de Cádiz en 1812. A pesca e o comercio serán as actividades que impulsen a economía da cidade ata chegar á grande expansión económica de finais do século XVIII. Neste momento a sardiña e a pescada son os compoñentes fundamentais da pesca, sendo o congro a seguinte especie en importancia. Xunto a pesca, o comercio internacional xurde como unha importante fonte de transacións monetarias. No porto vigués atracaban con regularidade barcos procedentes de Italia, Brasil, Inglaterra, As Indias ou Cabo Verde.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar