A cidade de Vigo está situada no extremo suroeste de Galicia, na provincia de Pontevedra (42º 13’ 51’’ N–8º 44’ 03’’ O), e esténdese en dirección noreste-suroeste pola ría que leva o seu nome. O territorio que abrangue o Concello limita ó norte coa ría de Vigo, ó sur cos concellos de Gondomar, Porriño e Mos, ó leste cos de Redondela e Mos, e ó oeste coa ría de Vigo, Nigrán e Gondomar. A cidade olívica aséntase entre a ría de Vigo e o Val do Fragoso, e discorre por unha orografía moi accidentada; na súa costa altérnanse sectores moi rochosos, como o que se desenvolve de Saiás a Punta Sobreira, e áreas que dan paso ós areais, como as praias de Samil, o Bao e Canido. O Monte Castro, de 149 metros de altura, preside o corazón da cidade. O seu clima é oceánico húmido con influencias mediterráneas. A temperatura media anual é de 14,9º, cunha oscilación térmica anual de 9,5º. Caracterízase por ter uns invernos suaves e uns veráns os 35º. A súa pluviosidade é de 1.500 mm anuais. O Concello de Vigo conta cunha extensión de 109,1 km_, sendo a cidade máis poboada de Galicia, e a décimo cuarto de España, con 294.772 habitantes (INE 2007); a poboación da súa área metropolitana acada os 465.000 habitantes, ocupando o posto décimo quinto na lista de áreas urbanas de España. Aínda que o espacio do Concello de Vigo está practicamente conformado na súa totalidade polo chan urbano aínda hai espacios naturais no seu litoral nos que paga a pena deterse. Un espacio a destacar son as marismas de Xunqueira do Lagares, lugar visitado por numerosas aves como a garza real, a garzota, a gaivota e o corvo mariño. Outro espacio destacable son as dunas da Fontaiña, ecosistema costeiro moi especial que ten ademais unha grande importancia a nivel xeolóxico e paisaxístico; a pesar de que o tamaño se reduciu considerablemente nos últimos séculos e están moi deterioradas aínda medran algunhas plantas típicas deste medio, como a cebola das gaivotas ou o feo de praia. As parroquias que conforman o concello de Vigo son: Vigo centro, Teis, Coia-As Travesas, Bouzas, Navia, Coruxo, San Miguel de Oia, Saiáns, San Andrés de Comesaña, Matamá, Castrelos, Freixeiro, Sárdoma, Lavadores, San Paio e San Xoán do Monte, Candeán, Cabral, Bembrive, Beade, Baladares, Zamáns e a parroquia de Alcabre, que é onde ten a súa sé o Museo do Mar de Galicia. Santa Eulalia de Alcabre é unha das parroquias máis pequenas de Vigo, tanto por extensión como por poboación.
Asentouse sobre un pequeno outeiro, cunha altura duns sesenta metros sobre o nivel do mar. A costa de Alcabre vai desde o peirao do propio Museo do Mar ata o Cabo do Mar. En este anaco de costa e entre rochedos agretados aséntanse os pequenos areais de Carril, Santa Baia, O Cocho, Mourisca, Fontes, Tombo do Gato, Espedrigada e o do Cocho das Dornas.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar