As páxinas de historia das terras onde hoxe se asenta a cidade de Vigo e a súa bisbarra están escritas dende as primeiras pegadas do home en Galicia.
O auxe económico e demográfico do XVI fai que a cidade crezca ocupando a banda do litoral que vai dende o Berbés ata o fondeadoiro mercante de Camboa, pasando pola Laxe. Na década de 1640 a economía viguesa entra en crise debido ás guerras contra Portugal e as campañas de Flandes, situación que se alargará ata finais do século XVII.
Algúns acontecementos marcan de forma irreversible a historia da cidade: en 1585 e 1589 os saqueos do pirata Drake producen grandes perdas económicas na bisbarra. En 1720, no curso da Batalla de Rande fronte a ingleses e holandeses, unha das máis ricas flotas de prata e ouro da historia de España remata no fondo da ría. Os seguintes anos de paz adicaranse a satisfacer a demanda pesqueira do país e á exportación de reses con destino aos portos de Inglaterra e Portugal.
No século XVIII o recurso principal da economía viguesa segue a ser a pesca, caracterizada polo seu tradicionalismo tanto nas artes como na salgadura e transporte, sendo as asociacións gremiais as encargadas de organizar a actividade. A partir de mediados deste século o sector sufre unha forte transformación ao facer aparición os “fomentadores da pesca”, procedentes na súa maioría de Cataluña. Estes introducen un novo tipo de rede, a xárega, máis produtiva que as artes tradicionais, e modernizan as industrias de salgadura cun novo sistema de salgado, xérmolo da posterior expansión da industria conserveira. Da man deles producirase un forte incremento da demanda de sal para a industria, como así o atestigua a salina de Foz do Lagares, a cal ocupaba unha superficie de 27.022 varas, dando traballo a 8 operarios e 32 carreteiros. A súa actividade, iniciada a principios do século XVIII, chegará ao seu fin nos primeiros anos do XIX.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar