Comercialización

A pesca da balea

Unha das grandes empresas pesqueiras en Galicia dende a Idade Media ata o século XX foi a pesca da balea, que se desenvolveu ao longo da historia en dúas etapas. A primeira, entre a Baixa Idade Media e o século XVIII, caracterizada polo progresivo aprendizaxe dos galegos quen, seguindo as ensinanzas dos vascos, controlaron a actividade dende principios do século XVII; en estes primeiros tempos a actividade baleeira localizábase en determinados portos ao norte do cabo Fisterra, entre Foz e Malpica, coincidindo por onde discorrían as rutas de migración das baleas, que eran avistadas dende terra. Dúas especies salientaban polas súas capturas, a balea vasca (Eubalaena glacialis) e o xibardo (Megaptera novaeangliae). A caza estivo destinada principalmente á obtención de graxa ou saín para a iluminación, as barbas para fabricar mangos de coitelos, variñas de parasoles ou bordos de cestos, e a carne entregábase como pago ao traballo de despezamento. Na outra etapa, xa no século XX, créase unha empresa baleeira baseada en modernos buques arpoeiros de técnica norueguesa, e armados con arpóns similares ao que se pode contemplar na exposición, en moitos casos con explosivos, e dotada dos medios técnicos suficientes para competir nos mercados internacionais e cuns elevados índices de producción. Instalouse unha factoría en Balea, Cangas, outra en Caneliñas, en Cee e outra en Morás, Xove.

O aproveitamento que se fai da pesca da balea é moito e variado; no expositor amósase carne, conservas do mercado xaponés e productos da industria química ou farmacéutica. A pesca indiscriminada a nivel internacional provocou un alarmante descenso do número de exemplares que se viu freada pola moratoria pesqueira de 1986, ano no que rematou esta actividade en Galicia.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar