A finais dos anos setenta unha nova crise amarra no sector pesqueiro galego, á caída dos rendementos pesqueiros úneselle o encarecemento do petróleo, e o factor máis importante, a prolongación da Zona Exclusiva Económica ata as 200 millas, co que as flotas de altura e grande altura son expulsadas ou sometidas a fortes restriccións nos caladoiros tradicionais, como Terranova, Gran Sol ou Marrocos. A entrada de España na Unión Europea en 1986, coa concesión de competencias a esta para negociar acordos pesqueiros con terceiros países, tampouco contribuíu a alixeirar a crise no sector.
A flexibilidade do sector pesqueiro galego fixo que nos anos oitenta a flota galega atopara refuxio en novos caladoiros de Namibia e das Malvinas, aínda que pronto xurdiron os problemas. O sector reorientouse entón cara a augas internacionais e a pesca de peixe de superficie como o peixe espada, ou de profundidade, como o alebote en Terranova. Aparecen entón sociedades mixtas concentradas en países con importantes recursos de pescada como Arxentina, Chile, Namibia ou Marrocos. A pesca costeira A pesca de baixura e artesanal é a actividade principal de moitos portos de Galicia. Esta flota traballa cunha gran variedade de artes para a captura de moi diversas especies, e emprega unha gran cantidade de mariñeiros e diferentes tipos de barcos, nembargantes foi a gran esquecida pola administración, polo tanto, non se introduciron os necesarios cambios tecnolóxicos, non se renovou a flota, que envellecía conservando as formas tradicionais e o saber facer dos mestres carpinteiros da ribeira, e os caladoiros comezaron a esgotarse paulatinamente.
Contribuíu a esta decadencia o escaso control sobre mercados e prezos e a falta de capitalización do propio sector. Desde finais do século XX as políticas de ordenación pesqueira da Xunta de Galicia e os Programas comunitarios de Orientación Plurianual propiciaron unha renovación da flota de baixura e artesanal. Deron como resultado unha renovación da flota con menos unidades pero con maior poder de pesca gracias á incorporación de novos equipamentos tecnolóxicos, e máis seguridade. A pesca artesanal constitúe un elemento imprescindible para comprender a vinculación dos galegos co mar, debendo ser exemplo de desenvolvemento sostible e de respecto pola natureza e o medio ambiente.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar