Comercialización

Novos caladoiros

Nos anos vinte comezan a aparecer os primeiros síntomas de esgotamento dos caladoiros galegos e do Cantábrico, e a partires de 1923 o radio de acción dos barcos desprázanse cara Huelva, Alxeciras e sobre todo Cádiz, para aproveitar os fértiles bancos das costas de Marrocos e do Sáhara.

Marcará un fito fundamental na pesca galega a chegada dos nosos barcos en 1927 aos caladoiros do Gran Sol, ricos en pescada. Debido á escaseza de carne e pan durante a Guerra Civil e na seguinte posguerra, o peixe cobra un importante papel substitutivo.

O peche do Gran Sol provocado a partir do 1939 polo inicio da Segunda Guerra Mundial, fai que a flota se desprace ao Banco Canario Sahariano; rematada a contenda no 1945 vólvese faenar no Gran Sol, recuperado despois da veda forzosa que supuxo a Guerra. Cara a mediados de século este caladoiro tamén se esgota, propiciando que a flota galega mire cara novos caladoiros, é a quenda dos grandes bancos de peixe de Terranova, converténdose o bacallao no producto a capturar dando fin ao período de importación desta especie, co que chega España a ser un importante país exportador, aínda que sen acadar os niveis de Portugal.

Esta nova conxuntura de bonanza na producción e no consumo provoca un novo impulso constructivo en base a novas técnicas de construcción naval, os barcos aumentan a súa tonelaxe, substitúense os cascos de madeira polos de aceiro, de maior resistencia e menor custo de mantemento, o carbón desaparece en favor do fuel, tamén as máquinas de vapor trócanse por novos motores de explosión diesel, e mellora a seguridade dos buques. Así mesmo difúndense as comunicacións por radio e adóptanse os primeiros sistemas electrónicos de localización de cardumes, como a ecosonda, e máis tarde os sónar.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar