As fotografías son parte esencial do patrimonio histórico máis íntimo e universal a un tempo. As fotografías son a narración en imaxes da nosa historia. Coa posta en marcha do proxecto «A Memoria do Mar» pretendíase rescatar este patrimonio mediante a dixitalización de fondos fotográficos familiares relacionados co mar.
Para este proposito, o Museo do Mar de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores, realizou un traballo de campo ao abeiro da orde de axudas para desenvolvemento de proxectos de Promoción Sociocultural e Divulgación nas Comunidades Pescadoras e o Sector Pesqueiro (Orde 6 de marzo de 2007, Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos). Se visitaron 24 Confrarías de Pescadores da beiramar galega, dixitalizando in situ as fotografías cedidas por particulares e regalándolles un CD coas fotos dixitalizadas. Preto de 4000 fotografías foron recollidas que poden ser visitadas na páxina web do proxecto.
Este ricaz fondo foi ordenado por temáticas e, logo dun proceso de escolla artellado ao abeiro de diferentes discursos narrativos, vai retornar as vilas en tres exposicións:
Esta exposición sintetiza aqueles aspectos do fondo fotográfico recollido máis relacionados cos cultos, o lecer e o goce do mar, inmortalizando paisaxes, procesións, praias onde gorentar, festas e mesmo as lembranzas dos días de descanso. A exposición dalle un novo valor engadido a esta temática ao ofreceren ás imaxes máis persoais, máis íntimas do arquivo.
Do areal ao peirao amosa as transformacións que foron sufrindo as paisaxes e as vilas costeiras ao longo do século XX. O crecemento urbán, as novas necesidades para a crecente industria pesqueira e, sobre todo a evolución das instalacións portuarias fican plasmadas nesta mostra, cuxo título, precisamente, sintetiza estos cambios: dos areais, utilizados como varadoiros e campos de redes habituais, ás grandes infraestruturas que mudaron de xeito irreversible a fasquía costeira.
Con pés no mar amosa un mar representado como vía de comunicación e de recursos máis que como un mundo descoñecido ou mesmo fronteira insorteable. Escenas plásticas de buques, descargas, subhastas de peixe, redeiras… todo un mar de oficios relacionados co mar que mesmo propician unha socialización deste espazo. Un mundo que tiña os pés no mar.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar