• gl



II Bolsa de Creación Fotográfica O MAR

O Museo do Mar de Galicia convoca, en colaboración co CEF Centro de Estudos Fotográficos, a IIa Bolsa de Proxectos de Creación Fotográfica: O MAR. O obxectivo deste concurso é ofrecer a posibilidade de elaborar e realizar un proxecto fotográfico propio aos novos autores relativo ao mar galego en calquera das súas circunstancias.

Bases

  1. Poderán participar os mozos e mozas nacidos ou residentes en Galiza menores de trinta e cinco anos.
  2. Ao autor do proxecto elixido outorgaráselle unha bolsa cunha dotación de 3.000,00 € para a realización dun traballo fotográfico relacionado co mar de Galiza en calquera das súas circunstancias
  3. Os candidatos ao premio presentarán unha memoria detallada cunha extensión máxima de 5 folios onde se especificarán os obxectivos teóricos e a metodoloxía do traballo a desenvolver. Así mesmo, presentarase un resumo do proxecto de 15 líñas. Estes dous documentos presentaranse por duplicado.
  4. Presentarase tamén documentación gráfica do aspirante. Esta consistirá nun mínimo de 5 fotografías representativas do que puidera ser o traballo final para que a comisión avaliadora poida xulgar as posibilidades prácticas do proxecto. Estas imaxes poderían non formar parte do traballo final.
  5. Adxuntarase tamén un curriculum vitae cos datos do aspirante, domicilio, teléfono, e-mail e fotocopia do carnet de identidade.
  6. De sé lo caso, deberanse presentar tamén reproducións doutras imaxes realizadas previamente pertencentes a traballos ou proxectos anteriores.
  7. O proxecto deberá ser inédito, non podendo polo tanto estar publicado nin exposto previamente.
  8. O proxecto seleccionado non poderá publicarse nin exporse antes da súa presentación e exposición por parte do Museo. Durante un período dun ano posterior á presentación da exposición, o Museo poderá ofertar a itinerancia da mesma, o que implica que non poderá o autor incluílo en ningunha outra exposición durante ese período.
  9. O número de imaxes deste proxecto será dun mínimo de 30. En caso de que polas súas dimensións ou por outras características particulares o número fora menor, terá que xustificarse axeitadamente.
  10. O Museo organizará unha exposición co proxecto seleccionado que será coordenada polo Centro de Estudos Fotográficos. Unha vez expostas, as fotografías pasarán a formar parte da Colección Fotográfica do Museo do Mar de Galicia, que tamén poderá utilizar nas súas publicacións, web, mostras, etc.
  11. Os gastos de tiraxe de copias e montaxe da exposición correrán por conta do Museo, debéndose xustificar debidamente, e non podendo nunca superar a cantidade de 6.000,00 €.
  12. A documentación para a participación entregarase nas oficinas Museo do Mar de Galicia (Av. Atlántida, 160 36208 VIGO) con data límite do 12 de febreiro de 2010.
  13. O Museo, en colaboración co Centro de Estudos Fotográficos, publicará un libro que funcionará como catálogo da mostra, dentro da colección Do Trinque.
  14. O bolseiro comprométese a facer constar en futuras exposición e publicacións que o traballo foi realizado como consecuencia da 2a Bolsa de Creación Fotográfica: O MAR realizado polo Museo do Mar de Galicia.
  15. A decisión da comisión avaliadora é inapelábel podendo quedar deserto o Premio por considerar que os traballos non atinxen unha calidade mínima para ser premiados. O feito de presentarse ao concurso leva implícito a aceptación das súas bases.
  16. Farase público o resultado do concurso o 12 de marzo do 2010.
  17. O proxecto entregarase totalmente realizado con data límite do 1 de novembro de 2010.
  18. Os proxectos non premiados poderanse retirar no Museo do Mar de Galicia (Av. Atlántida, 160 36208 VIGO) a partir do día seguinte de facerse público o fallo da Comisión Avaliadora.
  19. A Comisión Organizadora fará un seguimento periódico do traballo que está a realizar o bolseiro. O bolseiro comprométese a presentar periodicamente o estado no que se atope o seu traballo á persoa que a Comisión designe para facelo.
  20. O Museo non se fará responsable das perdas ou danos ocasionados perante o envío.
  21. A Comisión Avaliadora dos proxectos estará formada por persoas vinculadas ao mundo da fotografía e ao mundo do mar.

Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar