• gl



Do Areal ao Peirao

Do areal ao peirao amosa as transformacións que foron sufrindo as paisaxes e as vilas costeiras ao longo do século XX. O crecemento urbán, as novas necesidades para a crecente industria pesqueira e, sobre todo a evolución das instalacións portuarias fican plasmadas nesta mostra, cuxo título, precisamente, sintetiza estos cambios: dos areais, utilizados como varadoiros e campos de redes habituais, ás grandes infraestruturas que mudaron de xeito irreversible a fasquía costeira.

O percurso do século XX foi un tempo de profundas transformacións nas ribeiras das vilas galegas. En certa medida, as primeiras instalacións portuarias das que se valeron as comunidades pesqueiras foron os propios areais. A evolución dunha flota pesqueira que medraba cualitativa e cuantitativamente obrigou a contar con instalacións portuarias con maiores capacidade de atraque, varadoiros. Así mesmo producíuse a mecanización do traballo portuario coa incorporación de guindastres que facilitaran as tarefas de varado. Os procesos de comercialización obrigaron, tamén, a dispor de novos espazos para a poxa das capturas, cámaras de frío para a conservación do peixe, dependencias auxiliares.

De xeito parello, as vilas víronse inmersas, máis intensamente a partir dos sesenta, nunha dinámica de transformación urbana. Na medida en que a propia evolución da sociedade demandaba novos espazos de lecer, estas necesidades foron cubertas mediante intervencións nas fachadas litorais, aparecen así os paseos marítimos, constrúense infraestruturas deportivas, edificios culturais.

A conxunción destes factores determinaron unha realidade non sempre desexada. Foi un proceso que non estivo exento de solucións, ás veces, erradas. Por veces, os resultados acadados son dolorosos na medida en que non nos recoñecemos na paisaxe creada. Rompeuse a ligazón entre a vila e o mar, creando espazos que illan as dúas realidades. Así acontece neses recheos sen uso. O recheo foi e é a materialización dunha incapacidade, dun non saber como intervir sobre un espazo, o litoral, extremadamente sensíbel e insubstituíbel. En non poucas ocasións non houbo diálogo entre as necesidades dun sector pesqueiro que medraba e a necesidade de conservar a comunicación entre a vila e o mar. Esa canle hoxe está rota en moitas vilas costeiras.

Neste momento en que o modelo territorial en Galiza está en cuestión, estas imaxes débennos permitir reflexionar sobre o feito e o desfeito.

Cadro de itinerancias

Posito Desde Ata
A Guarda 29/09 11/10
Baiona 12/10 25/10
Arcade 26/10 08/11
Moaña 09/11 22/11
Bueu 23/11 06/12
Portonovo 07/12 20/12
Illa de Arousa 21/12 03/01
Vilanova 04/01 17/01
Cambados 16/02 01/03
Rianxo 02/03 15/03
Aguiño-Carreira 16/03 29/03
Porto do Son 30/03 12/04
Muros 13/04 26/04
Lira 27/04 10/05
Fisterra 11/05 24/05
Laxe 25/05 08/06
Malpica de Bergantiños 09/06 22/06
Caión 23/06 08/07
Mugardos 09/07 20/07
Cedeira 21/07 03/08
O Vicedo 04/08 17/08
San Cibrao 18/08 31/08
Foz 01/09 14/09
Ribadeo 15/09 28/09

Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar