Conservación

Motivado polo rápido deterioro do peixe e do marisco aparecen, ao longo dos séculos, diferentes técnicas de conservación, permitindo o seu transporte para a venda cada vez máis lonxe do lugar da captura. O polbo, o congro e a pescada secábanse ao sol; as ostras e o ollomol escabechábanse; e a sardiña, o peixe estrela galego, salgábase.

Este crecemento fai que se desenvolvan un gran número de industrias auxiliares, como as fábricas de envases e litografado, de xeo, fundicións e talleres mecánicos, e como consecuencia aumenta o volume de emprego, o que fai cambiar a fisionomía das vilas mariñeiras e a economía das familias, tradicionalmente sen moitos recursos.

As crises da sardiña galega, como a de 1909 ou a de 1924, foron paliadas cun aumento da producción de latas de túnidos que, co tempo, se consolidaron como a principal actividade industrial. A industria de transformación do peixe empregou maioritariamente mulleres, xa dende o século XVIII na salga, e dende finais do XIX na conserva. O seu papel foi crucial tanto para a supervivencia das familias da costa galega, que así cubrían as necesidades en época de escaseza de pesca, como para a economía do país.

Pódese apreciar na exposición unha máquina pechadora Somme 10 anterior a 1950 e procedente de Cangas do Morrazo. Con máquinas como esta pechábanse as latas de conserva situadas sobre unha mesa de zinc; pouco a pouco, estas máquinas manuais foron substituídas por surtidoras mecánicas movidas por correas de transmisión.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar