¿Qué é a pesca?

Ao longo da historia, o home desenvolveu unha serie de técnicas para capturar peixes ou outros animais que viven na auga, dende a extracción a man ata o emprego de anzois, redes, trampas, arpóns ou velenos.

Os inicios

Iníciase coa romanización a explotación industrial do mar, que anteriormente só fora unha actividade depredadora. As artes de pesca fanse mellores e máis grandes e instálanse factorías en terra, as villae, onde se levan a cabo os procesos de salgadura. Durante a Idade Media cambia notablemente a conxuntura para favorecer esta industria coa implantación das coresmas, o aumento da seguridade marítima e o acceso ao sal procedente de Portugal, o que fai posible a súa exportación a mercados mediterráneos. A mellora nas artes de pesca, especialmente o emprego de cercos reais usada polos gremios de mareantes dende o século XII, fai aumentar a captura de sardiña, propiciando o acceso de distintos tipos de inversores ao negocio pesqueiro, e facendo que participen activamente nel os pescadores das localidades costeiras, os comerciantes e os poderes señoriais.

Así é como nacen os gremios e confrarías da mar; son estas corporacións as que organizan tanto social como profesionalmente a actividade pesqueira e a vida nas vilas costeiras galegas mediante unha ampla lexislación contida nas ordenanzas e disposicións gremiais. As ganancias obtidas coa pesca eran tan xenerosas que unha parte ía para a Igrexa, outra para as viúvas, e incluso unha parte aos confrades feridos en accidente laboral. Grazas a estas contribucións, foron moitas as igrexas que se erixiron no litoral galego; un exemplo foi a igrexa de Santa María a Maior de Pontevedra, coñecida como a Moureira, de igual nome que o barrio de pescadores desa vila, fundada polo gremio de mareantes do Corpo Santo.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar