Con pés no mar amosa un mar representado como vía de comunicación e de recursos máis que como un mundo descoñecido ou mesmo fronteira insorteable. Escenas plásticas de buques, descargas, subhastas de peixe, redeiras… todo un mar de oficios relacionados co mar que mesmo propician unha socialización deste espazo. Un mundo que tiña os pés no mar.
A beiramar como espazo fronteira, como límite entre dous mundos, a terra e o mar, como eixe central na vida e no tránsito nos pobos costeiros galegos. Barcos que chegan, descargas do peixe, subhastas, peixeiras nos cais, redeiras, o reparto do quiñón entre os mariñeiros, tránsito de xentes. Nos peiraos desenvolvíase unha actividade intensa. O mundo da pesca, como motor, inxerindo dinamismo, vitalidade ás ribeiras das vilas. Alén do papel económico as ribeiras das vilas servían, tamén, de espazo para a socialización. Faise preciso, entón, pluralizar o significado da palabra beiramar. Aparece así unha beiramar do traballo, do cotiá, do lecer, da relixiosidade.
Os paseos polos areais e as ribeiras protagonizaban o tempo de lecer. Coa transformación da fronte marítima, derivada do desenvolvemento de infraestruturas pesqueiras, xorden espazos portuarios e peiraos que se converten, tamén, en lugares onde ir pasear ou levar as crianzas. Así un espazo de traballo adquire a condición de espazo de lecer. Tamén os barcos, mais alá do seu papel como medio de produción, adoptan un papel escenográfico e se incorporan como elemento decorativo nas fotografías familiares.
En non poucas ocasións o mar alteraba a monotonía da cotidianeidade. Capturas accidentais ou lances extraordinarios, o varamento dun cetáceo, unha marusía excepcional mudaban o día a día. Eran arritmias no cotián, alteraban o tempo. Ao xeito de fragmentos de vida estes acontecementos íanse incorporando á memoria colectiva dos pobos. Construíase un mundo no que o mar e a ribeira tiñan un lugar central.
Nos areais, nos rochedos ou nos peiraos a rapazada incorporábase á comunidade. A súa presenza era permanente na ribeira. Entre as rochas aprendíase das cousas do mar, aprendíase a coñecer os ritmos das marés. Nos peiraos sábenselle os nomes ás sardiñas, maragotas, ollomoles. Sábese do palangre, dos trasmallos, do cerco. Vaise á seca, axudase nas tarefas de descarga. Botase unha man onde se pode. A convivencia nese ámbito servíalles os rapaces como proceso de formación e iniciación nun mundo que lles será propio.
Todas estas realidades son a que refliten as fotografías que forman os albumes familiares das vilas costeiras de Galiza. As imaxes falan dun mundo que tiña os pés no mar.
| Posito | Desde (mes/día) | Ata (mes/día) |
|---|---|---|
| A Guarda | 06/10 | 06/21 |
| Baiona | 06/22 | 07/05 |
| Arcade | 07/06 | 07/19 |
| Moaña | 07/20 | 08/02 |
| Bueu | 08/03 | 08/16 |
| Portonovo | 08/17 | 08/30 |
| Illa de Arousa | 08/31 | 09/13 |
| Vilanova | 09/14 | 09/27 |
| Cambados | 09/28 | 10/11 |
| Rianxo | 10/12 | 10/25 |
| Aguiño-Carreira | 10/26 | 11/08 |
| Porto do Son | 11/09 | 11/22 |
| Muros | 11/23 | 12/06 |
| Lira | 12/07 | 12/20 |
| Fisterra | 12/21 | 01/03 |
| Laxe | 01/04 | 01/17 |
| Malpica de Bergantiños | 02/18 | 02/02 |
| Caión | 03/03 | 03/16 |
| Mugardos | 03/17 | 03/30 |
| Cedeira | 03/31 | 04/13 |
| O Vicedo | 04/14 | 04/27 |
| San Cibrao | 04/28 | 05/11 |
| Foz | 05/12 | 05/25 |
| Ribadeo | 05/26 | 06/09 |
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar