Muros será a sede do IX Encontro de Embarcacións tradicionais de Galicia do 9 ao 12 de xullo.
Situada estratexicamente nas Rías Baixas e preto da Costa da Morte, na ría de Muros e Noia, esta vila mariñeira de orixe medieval, actualmente en proceso de rehabilitación dos seus edificios e espazos públicos, conserva toda a fasquía tradicional e está declarada conxunto histórico. Este carácter singular que a fai única en toda a beiramar galega, xunto coa inmensa riqueza patrimonial e paisaxística do seu contorno, convértena nun escenario privilexiado para a celebración da gran festa marítima de Galicia.
Os encontros de embarcacións tradicionais de Galicia, a actividade máis senlleira organizada pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) e da que xa se levan celebrado oito edicións, constitúen a gran festa marítima de Galicia. Cada dous anos reúnense nunha vila mariñeira galega embarcacións tradicionais e tripulacións chegadas de toda Galicia e doutros portos peninsulares e europeos para celebraren unha gran xuntanza festiva, de exhibición e reivindicación do patrimonio marítimo. As actividades de lecer acompáñanse dunhas xornadas técnicas sobre distintas facetas e posibilidades do patrimonio, así como obradoiros, exposicións, etc.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar