• gl



OFERTA DIDÁCTICA PARA O MUSEO DO MAR PARA O CURSO 2012-2013

Actualmente o Museo do Mar de Galicia renovou a súa oferta de actividades, ofrecendo algo diferente, dirixido a todos os públicos, pero prestando especial atención ao público escolar, para o que temos preparadas actividades novidosas e sorprendentes para este curso 2012-2013.
Todas as novas actividades pretenden proporcionar aos seus participantes unha experiencia didáctica única, totalmente vivencial, onde empregando os seus cinco sentidos podan non so adquirir uns coñecementos, senón tamén gozar da experiencia e divertirse.

“A casa dos vellos mariñeiros”. Nesta actividade os participantes transformaranse en pequenos mariñeiros e internaranse no particular mundo da cultura tradicional mariñeira de Galicia; vivirán unha experiencia que lle permitirá coñecer e practicar distintos medios de pesca, navegación e crenzas propias da cultura mariñeira, e, ademais, visitarán o acuario onde descubrirán algúns dos segredos que gardan os peixes e outros seres mariños que alí se atopan.

CURSOS: de 2º ciclo de infantil a 1º ciclo de primaria
DURACIÓN: 60– 90 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 50 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de outubro a xullo.

”Coñecendo a cultura tradicional mariñeira”. Os participantes nesta actividade coñecerán de primeira man os asombrosos saberes, técnicas e medios de vida que foron acumulando xeracións de mulleres e homes que viviron e morreron con, en e para o mar en Galicia.
A actividade inclúe unha visita guiada temática, onde os participantes transformaranse e auténticos mariñeiros tradicionais e experimentarán por eles mesmos diversos aspectos da vida cotiá destas xentes: como orientarse no mar sen medios modernos, técnicas de captura e conservación dos produtos mariños antes da era industrial, fabricación e uso de aparellos de pesca, etc.

CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 – 120 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 50 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de outubro a xullo.

“Os segredos arqueolóxicos do mar”. Tomando como punto de partida o xacemento castrexo do Museo, esta actividade ofrece a posibilidade de facer unha viaxe no tempo que revelará as complexas relacións entre os seres humanos e o mar, dende épocas remotas ata o medievo, amosando diversos aspectos relacionados coa navegación, o comercio, a pesca, a guerra, etc.
Ademais os participantes converteranse en arqueólogos e realizarán unha escavación arqueolóxica fielmente simulada, para despois traballar os resultados nun laboratorio científico, e, por último, empregando réplicas exactas, experimentarán por si mesmos algúns dos aspectos do traballo diario das xentes que viviron en época castrexa e romana.

CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 – 120 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 50 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de outubro a xullo.

”Viaxe ao mundo submarino”. Nesta actividades experimentaremos e coñeceremos as distintas formas empregadas polos seres humanos para tentar conquistar o mundo submarino, coñeceremos as técnicas empregadas xa en Roma para somerxerse nas profundidades e iremos vendo como estas evolucionaron co paso do tempo; experimentaremos o que supoñía ser un submarinista no S. XIX, xa que nos poñeremos un casco de buzo do S. XIX e soportaremos o peso que estes mesmos buzos tiñan que soportar para poder somerxerse, veremos que ocorre cos gases que se respiran nas profundidades do mar e realizaremos, entre outras cousas, unha misión con submarinos teledirixidos.

CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 – 120 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 50 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de decembro a xullo.

”O gabinete do naturalista” Viaxaremos dende o século XV ao XIX, para coñecer e experimentar como os primeiros científicos naturalistas comezaron a descubrir os fascinantes segredos do océano. ¿Como organizaban as expedicións?, ¿como vivían a bordo?, ¿que aparatos científicos empregaban?, decenas de preguntas cuxa resposta coñeceremos a través dos obxectos do Museo e que practicaremos no obradoiro específico co que finalizaremos a visita.

CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 – 120 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 50 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de decembro a xullo.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar