Marusía

Do 7 de xuño ao 15 de xullo de 2012

O romanticismo foi o epicentro dun terremoto estético que convulsionou unha maneira de interpretar a arte —e particularmente a poesía e a pintura— despois do segundo terzo do século XIX. Tanto na Alemaña de Hörderlin e de Novalis ou Friedrich coma na Gran Bretaña dos laquistas, de Coleridge a Keats e á pintura de Turner, foi un estado de ánimo puntual, pero en Galicia retrasouse medio século e para percibilo teriamos que atender á voz de Rosalía e ás paisaxes do seu fillo Ovidio. Aínda así, cando os galegos quixeron reivindicar a súa identidade creativa sentíronse máis identificados co norte xermánico ca co Mediterráneo, e aí aparecen, de novo, o mar tempestuoso e a maruxía estética que definiu o atlantismo nos termos nos que o viron ou buscaron Vicente Risco e Luís Seoane.

No romanticismo, como constante da súa continua renovación, nace a pintura de Detlef Kappeler e Antón Sobral, nutridos conceptualmente na mesma substancia emocional que alimentou a rebelión da natureza como filosofía estética no camiño que recoñecemos de Joseph Beuys a Gerhard Richter: natureza que conxela o tempo nun instante, tal como nos lembraba Schelling, que en ambos os dous casos ten a súa mellor expresión artística na poesía e no mar. Certo, o mar de Detlef Kappeler é máis convulso e ideoloxizado e, desde unha dramática figuración expresionista, tan xermanicamente wilden, e mesmo dunha aprehensión xestualizada da pintura de acción, desembarca na maruxía poética que reivindica ó Lorca disociado de Poeta en Nueva York e Romancero gitano, pero tan comprometido coas causas polas que cre loitar para interpretar o mundo dun mudo solidario.

Porque detrás dos trazos xestuais podemos entrever homes e mulleres ocultos que foxen ou se rebelan, palabras e gritos que emerxen dun mar tempestuoso que esnaquizan a conciencia lírica co fin de situarse na épica que, algunha vez, atopa nos fuxidos de Courbet. Pintura como pracer e liberación que non elude esa lectura da vida que, neste momento, habita na Costa da Morte e tan ben reflectiu nos dous últimos ciclos expositivos que xa mostrara en Postdam e Vigo1.

Fronte á maruxía, que ten moito de Sturm und dram en Kappeler, a natureza do mar como paisaxe de Antón Sobral prefire abrazar a lírica que se alimenta no legado kantiano da autorreferencialidade estética, postergando a ideoloxía para reforzar a visualidade perceptiva como un longo poema emocional, que tería a súa mellor expresión no silencio da experiencia de Valente tanto coma nas ondas da soidade que trazaron Teixeira de Pascoães ou o refinado desasosego de Pessoa.

Na fronteira entre ambos os dous mares —e na maneira na que os interpretan pictoricamente Detlef Kappeler e Antón Sobral— discorre unha fina liña literaria e existencial que é, en definitiva, a auténtica metonimia da vida como máxima expresión dunha beleza tan actual coma aquela da que nos fala Dave Hickey, é dicir, a que non nos deixa indiferentes nin pola súa estrutura lingüística, á hora de interpretar o mar como poema, nin pola súa capacidade simbólica, en tanto que nos axudan a entender o noso mundo desde a súa percepción perturbadora. E a perturbación lógrase nestes dous casos desde a práctica que intúe a natureza como reflexo de nós mesmos, xa sexa desde a dramática visión da maruxía, xa sexa desde a calma que segue a tempestade. Reflexo, en última instancia, dun binomio estético que moi ben soubo interpretar, nas caras dunha imaxinada e idéntica esfera, Octavio Paz ó negarse a diferenciar os contrarios complementarios, explícitos en Eros e Tánatos.

X. Antón Castro


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar