• gl



Exposición temporal “Nicolás Muller en Galicia”

  • CANDO: do 14 de marzo ao 18 de maio 2025
  • HORARIO: de martes a venres de 10:00 a 14:00 e 16:00 a 19:00 e sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00.
  • ONDE: Sala exposicións temporais 2º edificio do Museo do Mar de Galicia (Avda. Atlántida, 160. Vigo)
  • Entrada gratis

Este proxecto, comisariado polo tamén fotógrafo José Ferrero, recolle unha selección de 50 imaxes, 34 delas inéditas, das 700 que o fotógrafo Nicolás Muller tirou durante as súas viaxes a Galicia, así como un audiovisual que contextualiza a figura do autor dende unha óptica actual.
Esta exposición nace a raíz do proxecto “Nicolás Muller. Vento Norte”, que acolleu o Museo Centro Gaiás en 2023 e que visitaron máis de 14.000 persoas, e chega ao noso museo como resultado da aposta da Xunta de Galicia pola itinerancia das exposicións que se xestan no Gaiás co fin de achegar a cultura a toda a poboación, seguindo a liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Nicolás Muller (Oròsháza – Hungría, 1913 – Llanes – Asturias, 2000), foi un dos grandes fotógrafos documentais do pasado século, testemuña privilexiada coa súa cámara dunha das épocas máis convulsas da historia recente europea.

Entre as fotografías que compoñen a mostra, que proveñen todas elas do Archivo Regional de la Comunidad de Madrid. Fondo Nicolás Muller, atópase unha ampla selección de imaxes que reflicten a vida das xentes das Rías Baixas. Entre elas, instantáneas que amosan o traballo das mulleres na fábrica de conservas Massó en Cangas do Morrazo, ou retratos de pescadores no porto de Vigo.

Muller mostra unha visión que combina tradición e modernidade; céntrase no traballo dos pescadores, dos campos, dos mercados e, como non podía ser doutro xeito, no que desenvolven as mulleres tanto nas tarefas tradicionais coma na industria. Tamén fala sobre os importantes cambios que se están a producir na arquitectura, no urbanismo, así como na evolución do transporte, do comercio, e mesmo nos hábitos sociais.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar