A exposición “Camiños por mar a Compostela” ven a cubrir un novo espazo permanente no Museo do Mar de Galicia.
Dividida en dous ámbitos distintos, móstranos nunha primeira parte como o feito da peregrinaxe é inherente ás distintas relixións existentes e á gran maioría das civilizacións coñecidas dende a Prehistoria. Nun segundo ámbito, centrado na peregrinación a Compostela, có fito da Traslatio do Apóstolo por mar como orixe de todas esas peregrinacións posteriores, percórrense as principais rutas de navegación. Dende o norte de Europa ata o Mediterráneo, pasando por distintas variantes xa nas costas galegas, comprobamos que moitos foron os peregrinos que fixeron esta singradura cara Santiago. Tamén nos paramos a analizar o propio feito da fixación da tradición xacobea e do fenómeno que supuxo a creación da marca Xacobeo.
Todo este percorrido acompáñase cunha serie de pezas significativas de diferentes períodos e procedencias. Dende coleccións particulares a prestamos dalgúns dos museos máis senlleiros de Galicia, pasando por fondos propios do Museo do Mar de Galicia. Todas elas contextualizan o percorrido expositivo e permiten o visitante unha mellor comprensión deste novo espazo.
A ubicación da mostra tamén permitirá o noso público poder ver dous elementos que ata o de agora non estaban incluídos no percorrido do Museo. Referímonos a parte interior do castro de Punta do Muíño de Vento y a cheminea orixinal da antiga conserveira.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar