• gl



25 SÉCULOS DE OCEANOGRAFÍA

A través da presente exposición tentamos aproximarnos ao saber do medio mariño que o home foi adquirindo paseniñamente dende a máis remota antigüidade ata a actualidade.

Imaxinemos que dentro do noso planeta se agochara outro maior, con montañas e ríos, con volcáns e profundas fosas onde a noite é permanente, pois exactamente iso é o que acontece no noso, xa que dous terzos do planeta terra están cubertos polos océanos, que realmente son outro mundo, do que aínda hoxe, a pesar dos grande avances científicos, coñecemos ben pouco.

A través da presente exposición tentamos aproximarnos ao saber do medio mariño que o home foi adquirindo paseniñamente dende a máis remota antigüidade, un percorrido que nos leva dende a mitoloxía grega aos robots de exploración, dende os monstros que habitaban o inmenso mar ata criaturas abisais gravadas no seu hábitat, en resumo unha viaxe dende un océano onírico ás realidades mariñas mensurables.

A exposición divídese en dous ámbitos, un histórico e outro máis científico.

O primeiro, de marcado carácter histórico, percorre o coñecemento do medio mariño ao longo da historia en seis espazos: Antigüidade, Idade Media, Época Moderna, A Ilustración, S. XIX e XX.

Nesta parte fálase dos grandes investigadores de cada época e os seus descubrimentos, pero tamén doutros non tan coñecidos, pero non por elo menos importantes, pois fálase de investigadores galegos doutros tempos que tamén fixeron destacados descubrimentos neste ámbito.

Entre as pezas expostas nesta zona atópase, entre outras, a réplica dun capitel cunha serea gravada de Santa María de Breixa (Silleda), fósiles mariños, cunchas e corais, algún deles verdadeiras pezas de coleccionista, cranios de especies mariñas e aves e peixes disecados.

E no centro atópanse dúas das pezas estrela da exposición, a réplica do navío Beagle, no que Darwin revolucionou a visión da natureza ao postular a selección natural como feito fundamental da evolución das especies, lucindo un novo e completo aspecto, e xunto a ela o magnífico esqueleto do cachalote que foi depositado polo Concello de Sanxenxo, que nos ilustra e serve como paradigma de súa teoría.

O segundo espazo adícase a moderna exploración mariña, dende o nacemento dos primeiros centros de investigación no século XIX ata os derradeiros proxectos desenrolados na plataforma continental galega.

Este ámbito expositivo estrutúrase en cinco apartados: a oceanografía xeral, onde se ofrece unha visón xenérica do nacemento e corpus desta disciplina, a oceanografía en Galicia, que amosa o panorama actual da investigación en Galicia; e posteriormente afóndase nas disciplinas que abordan o coñecemento deste medio: a bioloxía, a dinámica físico-química do mar e a xeoloxía.

Este percorrido afiánzase cun amplo mostrario de aparataxe técnico e de investigación que nos permiten a descuberta cada día de novas realidades nos fondos mariños.

Ademais esta parte da exposición tamén tenta ser unha homenaxe a tantos e tantos investigadores que deron lustre a Galicia neste campo, algúns deles colaboradores nesta exposición, polo que o museo quere aproveitar para agradecer a inestimable colaboración á hora de concretar os contidos deste área expositiva aos centros de investigación radicados en Galicia: CSIC, IEO e a Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, os cales nos forneceron de coñecementos e contidos.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar