Selección de 85 fotografías temáticas sobre a costa galega (maioritariamente de Vigo e Bouzas) do Arquivo Pacheco feitas entre 1895 e 1960. Asemade inclúe dúas fotografías de Filippo Prosperi. Comisario: Vítor Vaqueiro.
A diferencia dos mapas, as primeiras cartas mariñas non tentaban dar unha visión exacta e precisa dos mares: cumpría con que amosaran os elementos indispensábeis para levar a cabo unha navegación: ventos portantes, correntes ou a localización de accidentes xeográficos, como illas, ou a costa. Precisamente naquelas zonas costeiras que se usaban para marcacións ou na proximidade dos portos a información aumentaba, incluíndo nomes, batimetrías, baixos, rompentes, enfilacións, perfil da costa…todos os detalles necesarios para chegar a bo porto. Mesmo as veces a escala destas zonas era maior, polo que adoitaban dar unha imaxe que parecía distorsionada. Nada máis afastado da realidade: salientaban o imprescindíbel, aquelo que obxectivamente servía para navegar e pilotar unha embarcación, sen achegas superfluas. Non entanto, co tempo comezaron a facerse cartas para navegación costeira e de acceso aos portos. Son as cartas de punto maior; aquelas que con minuciosidade amosan os detalles das zonas de interese.
Como cartas de punto maior, o Arquivo Pacheco, permítenos recoñecer e analizar os principais elementos que forxaron a nosa identidade marítima durante a primeira metade do século XX. Unha identidade que, como ben sinalaron Alberte Roman e Paulo Jablonski no proxecto A Memoria do Mar, levou ás embarcacións do areal ao peirao. Este paso crucial, de non retorno, modificou a fasquía costeira de Galicia a través da industrialización do noso litoral, co conseguinte aumento demográfico. Un camiño que comezou a finais do século XIX. Cartas de Punto Maior, contén unha escolma de fotografías do Arquivo Pacheco onde o protagonista é, sen dúbida, a costa. Unha costa labrada polo home que permitiu darlle sentido produtivo ás colleitas do mar, pero que tamén foi testemuña de escenas de señardade nos trasatlánticos, determinando foulas dun futuro mellor pero deixando un ronsel de lembranzas sobre a terra deixada, se cadra para sempre. Pero tamén hai encadres para o lecer. É, xa que logo, unha escolma de todas as actividades que de xeito cotián desenvólvense na costa, cuxo efecto de borde, determinado pola interacción terra-mar, dota a estas comunidades dunha cultura diversa, con elementos propios, baseados na súa experiencia e coñecemento, pero aberta tamén ás contribucións chegadas doutros lugares: tempos onde o mar unía. Todo un universo, unha cultura costeira, plasmada de xeito eficaz e artístico por Pacheco, que o propio Arquivo Pacheco e o Museo do Mar de Galicia achegan nesta mostra.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar