A finais do século XIX chegaba a máquina de vapor. Este gran avance técnico supuxo un cambio importante na industria da pesca. Os barcos pasaron da propulsión eólica de vela, á propulsión a hélice; este fito, xunto ca aparición do casco de aceiro, propician o maior adianto técnico na pesca que se dera en séculos, permitindo traballar con artes máis grandes e un maior poder de pesca; isto fai que, xunto a un maior acceso aos bancos de pesca tradicionais, aumente a dispoñibilidade de recursos a explotar, polo aumento do radio de acción da flota cara a novos caladoiros.
O consecuente crecemento da nova flota pesqueira a vapor neste período xerou unha importante demanda de embarcacións, de construcción, de reparación das máquinas e de xeo para a conservación da pesca, especialmente na ría de Vigo. Nos primeiros tempos, estes barcos levaban máquinas procedentes de Inglaterra, pero pouco a pouco foron aparecendo algúns talleres mecánicos galegos que as reparaban e, nalgúns, facíanas novas, desenvolvendo este pequeno sector.
Os cambios tecnolóxicos afectaron á comercialización e distribución dos productos pesqueiros. A xeneralización do consumo en fresco das especies consideradas nobres, como a pescada, desenvolveu unha loxística tanto de manipulación como de venda e transporte onde o aforro de tempo era clave.
A aparición do ferrocarril en Galicia —chegaba á Coruña en 1883 e a Vigo en 1885— trouxo como consecuencia o aumento da demanda para abastecer o importante mercado nacional da meseta a través dos dous portos. A pescada, conservada en xeo, comezou a chegar ao interior peninsular en condicións aptas para o seu consumo, e de seguida se converteu nun dos alimentos máis apreciados nas mesas dos españois. A partir dos anos 20 empézase a distribuír o peixe fresco en camións, o que permitía a chegada do producto a un maior número de poboacións e cun horario máis flexible que o dos trens.
A introducción do vapor non supuxo en principio un cambio nas artes de pesca, ata principios do século XX foi o palangre cebado con sardiña o método tradicional. O aumento da demanda de pescada, co consecuente aumento de prezos, e a presencia de vapores estranxeiros traballando nas augas galegas, estimulan a difusión das artes de arrastre en Galicia, chegando a ser a primeira zona española en flota de arrastre, e Bouzas o porto líder peninsular.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar