Grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo, o Pergamiño Vindel, que leva 40 anos depositado na Morgan Library & Museum de Nova York, sae por primeira vez da cidade dos rañaceos para chegar a Galicia, ao territorio que serviu de inspiración para os seus versos, onde se exhibe por vez primeira.
“Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas” é o título da exposición na que o manuscrito que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, e a melodía de seis delas, se exhibe ao público por primeira vez na historia.
A exposición divídese en sete partes, cada unha delas inspirada nunha das cantigas. O Pergamiño Vindel é o eixo central, pero está acompañado por outras pezas medievais e contemporáneas de gran calidade que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas; que nos falan da paisaxe, do mar, da música e das romarías en santuarios. Os santuarios locais da ría puideron servir de inspiración a Martín Códax.
Máis de 50 pezas conforman esta exposición única, entre as que se inclúen pinturas, documentos, esculturas, obras en madeira, elementos arqueolóxicos e obras de carácter sacro e profano, entre outras.
A mostra, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e pola UVigo, e comisariada polo historiador Francisco Singul, permanecerá aberta do 10 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018 e poderá visitarse no horario habitual do museo
O prezo da entrada é o correspondente á entrada do museo (3 € tarifa xeral, 1,50 € estudantes, desempregados e xubilados e gratis menores de 8 anos), non debendo aboar máis por acceder a exposición.
A exposición dispón de actividades didácticas para escolares , para os que tamén teñen unidades didácticas , e actividades para público xeral, para máis información poden chamar ao 986247750 de martes a sábados de 10 a 14h.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar